jueves, 10 de julio de 2025

Deica sempre!

 Outro curso máis remata, 
o 2024-2025, 
desta volta no IES de Valga, 
a carón dun piñeiral, no alto do centro, pois alí estaba a aula de Música, no faiado.

Notámolo moito estas últimas semanas, pois a ola de calor non deu tregua, e nin abrindo as ventás había xeito de respirar. Pero aínda así, a música continuou ata o final, pois a música, a danza, o canto...o arte non debe cesar.

Foi un curso fermoso, cheo de emocións e aprendizaxe. Volvín a ser titora, cos desafíos que conleva, e volveu a organización de festivais, lipdub, danzas polo centro...


Quero dar as gracias, a cada un de vós, porque sempre me levo moito dos coles nos que traballo. Por esta aula que agora está baleira pasastes deixando a vosa pegada, gracias por compartir comigo os vosos pensamentos, inquedanzas e incluso loucuras. O corazón medra e soña co canto colectivo que fiamos entre tod@s!

Tanto @s rapaces coma @s mestres (pois á fin e ó cabo tod@s somos un pouco mestres e un pouco rapaces, aínda que xa nos saian canas...), quero darvos as gracias a tod@s, tamén polos conflitos, as diferencias de opinión, as discusións... Os coles non serían coles sen que ás veces teñamos desacordos, e de aí xurde moitas veces a maxia e as grandes ideas, os cambios que son tan necesarios.

O derradeiro día de clase, cando cheguei á aula, atopeime os carteis que fixeramos ó principio arrincados. A "Participación", "Respecto", "Escoitar"...todos caídos e algúns un pouco destrozados. Unha parte de min sentíu decepción e incluso algo de rabia, pois aqueles carteis iniciais, pensei, significaban as nosas intencións, os valores da clase, os pilares nos que construír a aprendizaxe. Pero tamén puiden ver o desafío, a roda eterna nas que nos movemos o presorado, porque cada vez que acabamos un curso hai que volver a empezar. E acordeime da escena final de "Rebelión nas aulas", na que o profesor interpretado por Sidney Poitier, cando xa conseguira chegar a conectar cun alumnado difícil e "rebelde" como di o título, encóntrase cos seus alumn@s do curso seguinte, e ve que o seu labor volve a empezar irremediablemente.

Marcho, e desta vez voume a carón do mar. "A que viu do mar", alcumáronme tempo atrás, nun centro perdido na serra ourensá. Agora toca regresar, despois de percorrer Galicia de cole en cole.

Gracias Valga por todo o que me diches este curso, deséxovos o mellor a cada un de vós!, 

e se os nosos camiños se volven a cruzar, e o tempo pasou e os nosos rostros cambiaron, agardo que paremos un intre e falemos da vida, e traiamos de volta algunha lembranza compartida. Porque ó final, o máis importante, é que nos queden recordos, e que nos alegremos do que deixamos atrás.

Deica sempre!