miércoles, 6 de mayo de 2026

A cultura hindú no Bollywood

 Como xa vimos, este divertido estilo de baile chamado Bollywood, igual que a industria cinematográfica con idioma hindi e sede en Mumbai no que naceu, ten unhas características moi especiais e diferentes da nosa propia cultura ou danzas tradicionais.



Ademais, este estilo de danza incorpora aspectos propios da cultura hindú, máis alá do vestiario. Un destes elementos son os Mudras. 

Os Mudras ou Hastas son xestos ou posicións que se fan coas mans nas danzas clásicas da India, acompañan os movementos do baile para transmitir emocións ou contar historias. A súa orixe está tamén na práctica do ioga e a meditación, onde axudan a canalizar a enerxía, concentrarse, entrar en estados espirituais ou de conexión...

Pensade que as danzas Bollywood teñen un compoñente narrativo importante, non só se baila por placer, senón que moitas veces se conta unha historia, ou son unha peza fundamental do filme e do seu argumento.



lunes, 20 de abril de 2026

As escolas matan a creatividade

 Nesta charla TED de Sir Ken Robinson, pedagogo e escritor inglés, autor de títulos coma "Encontra o teu elemento", moi comprometido co ensino e o cambio da pedagoxía das escolas obsoleta, as intelixencias múltiples...., fala de como ás veces matamos a creatividade no sistema educativo, en vez de potenciala ou acompañar a búsqueda de cada ser humano, dese obxectivo vital ou ese lugar onde cada un de nós se pode sentir especial.

Ti que pensas?, as escolas matan a creatividade?



Bibliotecas escolares

 Nesta páxina de Bibliotecas Escolares podes atopar noticias e recursos variados sobre lectura, diferentes formatos de textos, convocatorias... Preme na imaxe e empeza a investigar!



domingo, 8 de marzo de 2026

8M no Fontexería

 Co intenso traballo da rapazada nos obradoiros de canto deste curso no IES Fontexería de Muros, levamos a cabo a grabación deste tema musical para celebrar o 8M, disfrutádeo!



lunes, 23 de febrero de 2026

Día de Rosalía

Hoxe, no Día de Rosalía, no IES de Fontexería celebrámolo coa palabra falada e cantada. "Tecín soia", esa fermosa poesía de Follas Novas sobre a soidade das mulleres, na versión de Guadi Galego, co noso coro escolar!



miércoles, 26 de noviembre de 2025

Eu vou...

 

Eu vou, vou remando vou,

a canoa polo río vai,

o atardecer ardente esperarei...

martes, 4 de noviembre de 2025

En contra da violencia de xénero

 Como cada ano, por desgraza, debemos recordar esta data, porque seguen morrendo mulleres a mans de homes debido á violencia machista, esa lacra que a pesar da igualdade, continúa corroendo a nosa existencia. 

Loitemos tamén contra ela coa música:




jueves, 30 de octubre de 2025

Feliz Samaín!

   

 Xa está aquí o Samaín, a festividade dos mortos, o medo e o truco ou trato! 

Un dos catro días intermedios do ano e o punto medio entre o equinocio de setembro e o solsticio de inverno, unha noite máxica que nos permite recordar esa outra realidade dos "non vivos", que ás veces está esquecida. 


A disfrutala!


martes, 30 de septiembre de 2025

Audicións deste inicio de curso

 Velaquí algunhas das audicións que estamos a escoitar estes días, coma sempre empezamos as aulas sentindo, facendo unha pausa para respirar e mirar adentro, para desconectar das présas da xornada e situarnos.








viernes, 26 de septiembre de 2025

Empezamos no IES Fontexería de Muros!

 Un novo curso empeza e neste 2025-2026 e toca aterrizar no Fontexería, un cole a carón do mar, en Muros,  unha vila chea de música. 

De aquí saíron grupos como The Rapants ou Maestro. Na súas rúas e na Escola de Música xéranse inquedanzas musicais que esperamos axudar a cultivar desde as aulas de Música.

Imos alá!, the show must go on... 

jueves, 10 de julio de 2025

Deica sempre!

 Outro curso máis remata, 
o 2024-2025, 
desta volta no IES de Valga, 
a carón dun piñeiral, no alto do centro, pois alí estaba a aula de Música, no faiado.

Notámolo moito estas últimas semanas, pois a ola de calor non deu tregua, e nin abrindo as ventás había xeito de respirar. Pero aínda así, a música continuou ata o final, pois a música, a danza, o canto...o arte non debe cesar.

Foi un curso fermoso, cheo de emocións e aprendizaxe. Volvín a ser titora, cos desafíos que conleva, e volveu a organización de festivais, lipdub, danzas polo centro...


Quero dar as gracias, a cada un de vós, porque sempre me levo moito dos coles nos que traballo. Por esta aula que agora está baleira pasastes deixando a vosa pegada, gracias por compartir comigo os vosos pensamentos, inquedanzas e incluso loucuras. O corazón medra e soña co canto colectivo que fiamos entre tod@s!

Tanto @s rapaces coma @s mestres (pois á fin e ó cabo tod@s somos un pouco mestres e un pouco rapaces, aínda que xa nos saian canas...), quero darvos as gracias a tod@s, tamén polos conflitos, as diferencias de opinión, as discusións... Os coles non serían coles sen que ás veces teñamos desacordos, e de aí xurde moitas veces a maxia e as grandes ideas, os cambios que son tan necesarios.

O derradeiro día de clase, cando cheguei á aula, atopeime os carteis que fixeramos ó principio arrincados. A "Participación", "Respecto", "Escoitar"...todos caídos e algúns un pouco destrozados. Unha parte de min sentíu decepción e incluso algo de rabia, pois aqueles carteis iniciais, pensei, significaban as nosas intencións, os valores da clase, os pilares nos que construír a aprendizaxe. Pero tamén puiden ver o desafío, a roda eterna nas que nos movemos o presorado, porque cada vez que acabamos un curso hai que volver a empezar. E acordeime da escena final de "Rebelión nas aulas", na que o profesor interpretado por Sidney Poitier, cando xa conseguira chegar a conectar cun alumnado difícil e "rebelde" como di o título, encóntrase cos seus alumn@s do curso seguinte, e ve que o seu labor volve a empezar irremediablemente.

Marcho, e desta vez voume a carón do mar. "A que viu do mar", alcumáronme tempo atrás, nun centro perdido na serra ourensá. Agora toca regresar, despois de percorrer Galicia de cole en cole.

Gracias Valga por todo o que me diches este curso, deséxovos o mellor a cada un de vós!, 

e se os nosos camiños se volven a cruzar, e o tempo pasou e os nosos rostros cambiaron, agardo que paremos un intre e falemos da vida, e traiamos de volta algunha lembranza compartida. Porque ó final, o máis importante, é que nos queden recordos, e que nos alegremos do que deixamos atrás.

Deica sempre!


martes, 27 de mayo de 2025

Rostiboli Giogioso e danza prehistórica

Aquí está o audio para o baile renacentista que bailamos en 3º, Rostiboli Giogioso:

 
E o audio para o baile prehistórico:
 
 

viernes, 23 de mayo de 2025

AUDIO LIPBUB 4ºESO

 No IES de Valga o alumnado de 4ºESO está orgaizando un Lipdub para despedirse do centro na súa graduación!, aquí está o remix que empregaremos para crealo, premede na imaxe e a disfrutalo!:


 

viernes, 14 de marzo de 2025

Raíñas e guerreiras!

 Aquí está a versión que fixo o alumnado de 1ºde Bacharelato de Linguaxe e Práctica Musical do IES de Valga, do tema musical "Reinas" de Ruth Lorenzo e Tanxugueiras, con motivo do Día Internacional da Muller, o 8M.

 "Raíñas" fala das mulleres e da súa forza, das nais, guerreiras e loitadoras, das que non teñen medo de mostrarse e que levan desde tempos ancestrais aturando que as calen. É tempo de alzar a voz e berrar!


Tamén podedes ecoitalo en Soundcloud seguindo e enlace: Raíñas - 8M


domingo, 16 de febrero de 2025

VocalRemover, crea os teus propios karaokes!

 Quen non se puxo algunha vez karaokes de youtube para cantar as súas cancións favoritas?, o malo é que ás veces non atopamos algúns temas e devecemos por cantalos... 

Pero coa ferramenta online e gratuíta de IA, VocalRemover , podedes sacar as voces de calquera canción que queirades! 

Premede no enlace ou na imaxe e probádeo!



domingo, 19 de enero de 2025

Cantando ópera!

 Enténdese canto lírico coma o conxunto de técnicas vocais empregadas para cantar o repertorio de música docta, ou o que coñecemos como "música clásica" 

Hai grandes exemplos no mundo do canto lírico, como foi a soprano María Callas. Aquí podédela ver cantando a aria "O mio babbino caro" da ópera "Gianni Schicchi", de Giacomo Puccini e Giovacchino Forzano:




Ou o tenor Luciano Pavarotti, que no seguinte video aparece cantando "Nessun dorma", aria da ópera "Turandot". tamén coa música de Giacomo Puccini e libreto de Giuseppe Adami e Renato Simone, e que aparece en tantas Bandas Sonoras de películas, en momentos áxidos, coma no filme "Bend it like Beckham" (Quiero ser como Beckham):