viernes, 11 de octubre de 2024

Música con valores

 Estes días estamos escoitando ó principio de clase unha selección de temas musicais elexida polo alumnado da optativa de 1ºBacharelato. Aquí as tedes, con mensaxes tan necesarias nestes tempos terribles como tratar ós demais como nos gustaría que nos tratasen a nós. Recordémolo e gardémolo no corazón, escoitémolas con todo o noso ser.



martes, 24 de septiembre de 2024

Comeza un novo curso

 Aquí estamos de novo!, 


o curso 2024-2025 empeza no IES Plurilingües de Valga, preparádevos para que a Música se expanda en tódalas direccións e nos leve a vivir novas aventuras...


Imos aló!


viernes, 12 de julio de 2024

Deica sempre


 Remata o curso 2023-2024, complexo e complicado... tanto que incluso o peche me levou tempo escribilo. 

Despídome xa empezando as vacacións, coa mente tentando desconectar e buscar o seu lugar. 

Coma sempre, lévome fermosos recordos, momentos compartidos con moitos de vós, recreos de recuncho musical improvisado, risas e cantos distendidos, agardando que quedase un pouso nalgures, nalguén, de igual xeito que quedou en min. E ó mesmo tempo, tódolos conflitos e problemas que atopamos estes días, os obstáculos na comunicación, os malentendidos, as pelexas, o silencio. Todo iso lévame a unha reflexión que non para de rondarme a cabeza, pode que a varias: que importante é que nos colexios sexamos EQUIPO, un equipo que debe sempre poñer límites á violencia e á falta de respecto (veña de onde veña), e que necesaria é a comunicación transparente, sen tramas, sen películas, sen escuridade, especialmente entre @s adult@s que xestionamos os centros. E que situacións tan tristes se crean cando esa comunicación é escasa ou agresiva, chea de muros e trampas que non paran de medrar.

Sexamos máis equipo e menos inimig@s, o mundo necesítao. Precisamos que nos apoien, que nos acollan, que nos validen. O traballo non pode ser unha xungla na que defenderse constantemente de depredadores.

Non confundamos validar con consentir, non confundamos comprender e respectar con non poñer límites. A violencia nunca está xustificada, non temos que aturala, e moito menos permitila impunemente. É posible ser respectuosos e ó mesmo tempo defendernos. Paremos a violencia e as agresións na aula, nos centros de ensino, nin físicas nin verbais, non debemos permitilas.

Falemos máis e non deixemos que o medo nos paralice, é imposible soster o medo continuado e as defensas activadas sen fin, o corpo e a mente acaban pasando factura.

Rapaces, agardo que vos levedes algunha lembranza para as vosas vidas. Iso é todo o que podemos pedir, crear boas lembranzas, nos momentos escuros necesitarémolas coma a auga no deserto, e nos momentos de luz poderemos mirar atrás e entender o noso camiño. Cada vez que vou a un centro, nesta vida itinerante que me tocou ata o de agora, marcho sempre chea de ensinanzas. 


Gracias, xa volo dixen na aula, e o ceibo agora no vento.

Gracias polos días claros, e tamén os complicados, son do que máis aprendo.

Gracias pola vosa honestidade, e tamén polas trolas que se sabían pero non se descubrían.

Gracias polo esforzo e a constancia, e tamén por mostrarme de novo o outro extremo: que tanto necesitamos o descanso e a diversión tamén @s maiores.

Gracias por deixarme acompañarvos, e por non deixarme, algúns días eu non estaba para acompañar a ninguén.

Gracias tamén a tódal@s compañeir@s que me acolleron e me arrouparon cando todo se tornaba labirinto desacougante, gracias ós que credes de verdade que o cariño, as boas maneiras, a amabilidade e o respecto son o máis importante que temos os seres humanos. Fostes candeas de esperanza no medio de Mordor.

Gracias.

Deséxovos o mellor, e se algún día as nosos camiños se volvesen a cruzar, saudémonos como vell@s colegas de desventuras, aínda que o recordo xa estea difuso, aínda que os nosos rostros muden, e os corazóns xa leven un par de estocadas ou algún remendo máis.  

Deica sempre.



martes, 18 de junio de 2024

A crear

Chegamos a fin de curso e vén unha época con moooito tempo libre, e como xa sabedes, no tempo libre poden xurdir novas ideas, proxectos...e se a vosa
creatividade vai polo lado da música e as cancións, se o voso soño sería crear os vosos propios temas musicais, aquí vos deixo a continuación unha serie de programas gratuitos que vos poden axudar nesa fermosa tarefa. 

Un dos máis empregados é o AUDACITY, moi sinxelo e claro, se premedes no seu nome chegaredes ó enlace para descargalo, e se premedes na seguinte imaxe veredes un artigo sobre outros programas semellantes para que investiguedes e vexades cal é o que máis se adapta ás vosas necesidades.

martes, 7 de mayo de 2024

EDUcación SEXual

 Os datos son alarmantes: 

as agresións sexuais creceron un 116% nos últimos cinco anos e o 76,25% dos adolescentes consumen pornografía hardcore a través dos seus dispositivos móbiles. 

A terrible desinformación, a falta dunha educación sexual real máis alá do coñecemento da anatomía, os métodos anticonceptivos e a prevención das ETS, a necesidade dunha conversa fluída e continua na sociedade, sen prexuízos, sen vergoña.