viernes, 30 de octubre de 2015

Creando instrumentos 1: O pau de choiva

E empezamos!
Aquí teredes as explicacións, con fotos e texto, sobre como construír diferentes instrumentos musicais. 
Para todos eles procuraremos sempre empregar materiais de refugallo, cousas que normalmente tirariamos ó lixo pero que reciclaremos para crear música.
Convertirédesvos en verdadeiros luthiers! 
Imos aló!

PAU DE CHOIVA


1. Corpo cilíndrico. O primeiro que necesitamos é dous ou tres tubos de cartón. Hai múltiples opcións: os que están dentro dos rolos de papel de cociña, papel film ou de aluminio; os botes de aperitivos de pataca tipo Pringles, etc. O ideal é que sexan de cartón duro e resistente, se son moi brandos pódense dobrar cando lle cravemos os escarvadentes ou cravos.



O diferente ancho do tubo será o que nos indique a lonxitude dos elementos que necesitamos para a resistencia interior, o que veremos no paso 2.




Colleremos como mínimo un par destes tubos (do mesmo grosor e material) e unirémolos axudándonos dun pouco de celo ou fixo ou algún tipo de adhesivo. Se non son moi longos, mellor tres, para que teñades un pau de choiva ben xeitoso! :)

2. Os obstáculos interiores. Unha vez ben unidos os tubos, pasaremos a preparar o interior. O son deste instrumentos depende de que dentro do corpo sonoro exista algo que impida parcialmente o avance das sementes e grans que logo introduciremos nel. 
      Hai multitude de opcións para conseguir isto. 
      Podedes usar:

-cravos 
-escarvadentes ou algún tipo de palillos
-chinchetas longas, etc. 
-ou incluso unha arandela dun caderno que xa non usedes, estirada e moldeada no ancho do tubo. 

Neste caso empregaremos cravos. Sempre procurade que non cheguen a atravesar o tubo. O longo dos cravos debe ser, polo menos, 1cm menos do diámetro do tubo.

Antes de empezar a cravalos, debuxaremos unha espiral no noso cilindro. Se vos fixades, o propio cartón do tubo normalmente ten espirais marcadas por fabricación, co que será moi sinxelo.



Nesta espiral marcaremos, a unha distancia sempre igual, o lugar onde poñeremos os cravos. Procurade que esta distancia sexa equilibrada: nin moi xuntos nin moi separados.



Coa axuda dun martelo irémolos cravando, e despois aseguraremos estes cravos cunha pinga de cola ou pegamento líquido. Isto servirá para que non se movan cando as sementes circulen polo seu interior. 

Deixamos secar (vai necesitar unhas horas, a non ser que usedes unha cola especial de secado rápido)

3. As tapas. Cando os cravos estean secos, pasamos a crear as tapas ou bordes. 
(Se usades tubos tipo Pringel's este paso podédelo saltar, e de feito teredes primeiro que colocar os cravos, logo meter as sementes, e despois unir os tubos, xa que nese caso podemos aproveitar as bases metálicas dos botes e unilos pola abertura)




Co propio tubo sobre un cartón, calcaremos a circunferencia dúas veces, e despois recortaremos estes dous círculos. Un deles pegarémolo xa nun dos bordes, axudándonos dun pouco de cola, e asegurando, se fai falta, con celo. 

De novo deixamos secar. 
A outra tapa reservámola para o final.






4. O recheo. Necesitamos introducir no cilindro os elementos que realmente crean o son do pau de chuvia ó baixar por el, e neste caso...imaxinación ó poder!



        Curiosamente é o son da pasta (fideos ou espagueti fino cortado en anacos pequeniños) o que mellor imita o son da choiva ó desprazarse polo interior do cilindro (isto tamén dependerá do materiais cos que bate a medida que cae) Tamén podedes usar lentellas, arroz, soia, garavanzos...experimentade con diferentes mesturas, diferentes cantidades, e probade distintos timbres: ningún pau de choiva é idéntico a outro!

Cando teñades a mestura feita (a que vos caiba en ambas mans é suficientes, algo así como dúas presas), e con todo o pegamento ben seco, introducímola e tapamos o outro extremo coa circunferencia de cartón que xa tiñamos recortada.
5. A decoración. Cando a derradeira tapa estea ben pegada, e seco o pegamento, queda o paso máis divertido: a decoración! E de novo, rapaces, imaxinación ó poder!

 Neste caso empregouse papel de regalo reciclado para o corpo, ben pegado cun pegamento de barra, e uns envoltorios de bombón para os bordes, reforzados por unhas gomas elásticas





Porén, recordade que podedes usar múltiples opcións: papel de periódico ou revista, rotuladores, pinturas, telas, cartón de cores, goma, etc.


Agora só queda probalo e a desfrutar do voso novo instrumento! 

No seguinte vídeo podedes ver como facer soar un pau de choiva ou de auga, recordade que hai que manexalo con moito coidado, lentamente, para conseguir un son fermoso e continuo.





     

No hay comentarios:

Publicar un comentario