sábado, 31 de octubre de 2015

Creando instrumentos 4: o tambor

Pode que sexa un dos instrumentos máis antigos da humanidade, primitivo e fundamental na música. A percusión necesita os membranófonos, son puro ritmo!, e nós imos crear un deles.

1. O corpo sonoro.
Calquera tubo ríxido, bote, obxecto cilíndrico que non uses pode servir:
-Botes de colacao, nesquik, etc.
-Botes de pintura.
-Botellas anchas de plástico.

Como vedes, neste caso empregamos un bote plástico longo e ancho, ó que lle sacaremos a tapa superior. Se o tubo non tivese orificio en ningún dos lados, habería que sacarllo, porque necesitamos poñerlle unha...

2. Membrana. É a alma do tambor, sen ela non vai soar, e se non está tensa tampouco. De novo múltiples opcións: plástico, tela, plástico film, globo grande, etc.



A única condición é que permita tensalo sen romperse, ten que ser elástico e resistente á vez. Para o exemplo usaremos un plástico groso, do tipo que envolve os packs de botellas de auga.


E aquí vén o paso máis importante: tensar a membrana! 


Dedicádelle tempo e tomádeo con paciencia, porque a tensión da membrana é o detalle que nos dará un bo son como tambor.


Colocamos o corpo do tambor sobre o material da membrana e debuxamos un círculo neste, 3 cm. máis ancho que a circunferencia do noso tubo. Imos necesitar marxen para suxeitar a membrana.


A este círculo debuxámoslle pestanas: triángulos que recortaremos coas tesoiras e nos permitirán pegalo mellor ó borde do corpo sonoro.

Colocamos no borde do tambor algún adhesivo para ir pegando e tensando a membrana. Funcionan moi ben a cinta de dobre contacto: pégase primeiro ó tambor por un extremo e logo sacamos o protector exterior e imos pegando pouco a pouco a membrana. Se non, podemos usar cinta adhesiva normal, colocándoa coa parte adhesiva para fóra, e pegándoa ó tambor con cola ou pegamento forte.





Iremos pegando a membrana á cinta adhesiva tirando ben dela coas mans, que non lle queden engurras na superficie e a vexamos ben tirante.




E por último aseguramos o borde con cinta adhesiva transparente, para que a membrana non se solte ó tocar.



3. Decoración

De novo a imaxinación ó poder, porque a superficie do tambor permítenos usar todo tipo de materiais: 
-pinturas, papel, pegatinas...

 

E só nos queda desfrutar coa percusión do noso tambor, crea ritmos e busca diferentes sonoridades!


¿Sabías que o grupo "Les Luthiers", grandes músicos e cómicos arxentinos, crearon uns bongós a partir de taburetes??
Mírao na súa páxina de "Instrumentos Informales" e asómbrate coa cantidade de instrumentos raros que crearon!



No hay comentarios:

Publicar un comentario