jueves, 13 de diciembre de 2012

Festivais de Nadal

Xa están aquí os Festivais Musicais de Nadal! 
Velaquí os carteis coas actuacións:

  

No IES Carlos Casares...























...e no CPI Laureano Prieto

martes, 11 de diciembre de 2012

Caminante Lipdub!

     Xa temos canción para o Lipdub de centro do IES Carlos Casares: "Caminante", de Bongo Botrako. 



lunes, 3 de diciembre de 2012

Vota a túa canción para o Lipdub!



     ¡Xa está instalada, na entrada do IES Carlos Casares, a urna de votacións para elixir entre tod@s a canción que empregaremos no Lipdub de centro!

     O alumnado coordinador da actividade 

(1ºBAC, optativa de Música)

axudou a preparar o espazo, decoralo, etc.


     Non agardes máis e vai depositar o teu voto!


Pode votar o alumnado, profesorado, persoal de centro, etc.

 Recorda: as características da canción que elixas debe ser...

      -Alegre e con ritmo, divertida.
     -Vocal: ter letra (non importa o idioma)
    -Respectuosa.
 -Ter que ver coa vida no centro, o que a ti te suxire, o que che gustaría que fose.

    Así que boa letra, título e artista ou grupo, e colabora, que o venres o período de votacións remata.

jueves, 29 de noviembre de 2012

Bule e móvete! (na igualdade)

             No Taller de Canto e Expresión Corporal continuamos traballando nas cancións de cara ó Festival de Nadal

        A nova versión do tema "Twist and Shout" (Bule e móvete! na igualdade) trata sobre a igualdade. O retrouso do tema está sacado da letra que realizou o Departamento de Normalización do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, "Falo o que quero falar", que ten como tema o galego.

        Velaquí tendes o vídeo da mesma para que poidades escoitala:

 

"Vinganza Final", a curta de 4ºESO

Xa está en Youtube "Vinganza Final"!, 
 
    a curtametraxe realizada por alumnado de 4º da ESO do CPI Laureano Prieto (A Gudiña) no curso 2012-2013, con motivo da celebración do Samaín.

     Non deixes de vela!, entra no link de youtube
http://www.youtube.com/watch?v=-L72zS-rADs 
ou preme directamente no vídeo:


Noraboa, rapaces!

martes, 27 de noviembre de 2012

Misión Lipdub!


       
              Alá imos!!

            No IES Carlos Casares vaise realizar un Lipdub colectivo, como proxecto de centro, para o 2º Trimestre, coa colaboración de alumnado, profesorado, persoal, etc.

          Un "Lipdub" ("dobraxe de beizos") é un vídeo musical feito nunha soa toma, nun plano secuencia, na que os participantes van realizando diversas accións (bailes, teatralizacións, empregando o que cada un saiba facer e incluso disfraces, movemento coordinados, etc.) mentres fan playback da canción elixida, e que vai soando ata que remata a gravación. Despois, na edición final, incorpórase a canción como banda sonora.

É un formato de actividade moi divertido, aínda que leva traballo preparalo, pero pásanse momentos moi bos, e ademais diso:

Nova canción no Taller de canto e expresión corporal

              Xa levamos varias semanas aprendendo exercicios de quecemento, como funciona o voz e a implicación do corpo no canto.

       E tamén con pequenas cancións coreografiadas,  creación de melodías...


         E aquí chega a primeira canción longa do curso!, unha versión de Twist and Shout, orixinal de Phil Medley y Bert Russell, e aquí vos deixo a versión dos Beatles para que a poidades escoitar:


        
      A letra vai cambiar, pero a melodía é a mesma, na vindeira clase teredes a partitura e...a cantar!

miércoles, 7 de noviembre de 2012

Celebración do Samaín



        Hoxe, no IES Carlos Casares, alumnado de distintos cursos axudou a organizar o Samaín, unha festa ancestral na que se abren as portas entre o mundo dos vivos e os mortos, onde os espíritos saen dos agochos e andan a enredar...



      E algún debía haber esta mañá no salón de actos, porque de súpeto apagáronse as luces, acendeuse un misterioso círculo de candís, e unha procesión de figuras de manto negro e rostro pálido achegáronse ós cativos, cantando A lenda da Lavandeira.  


      As Lavandeiras da Noite, esas mulleres que se aparecen a carón dos regatos, portando sábanas e roupas cheas de sangue, armas, coitelos e espadas ensanguentadas, e que desaparecen sen deixar rastro, premonición dunha morte ou desgraza inminente...




      O grupo de 1º de BAC da optativa de Música levou a cabo esta performance. 
     Aprenderon a canción na versión de Carlos Núñez e Noa, incorporaron unha percusión, caracterizáronse e idearon a posta en escena e a interpretación. 
       Pero o máis importante é  que se implicaron nun proxecto que en principio ía destinado a 1º e 2º da ESO, favorecendo a colaboración entre distintos cursos e xeracións, tan fundamental nun centro, ¡bravo rapaces!  


jueves, 18 de octubre de 2012

Taller de Canto e Expresión Corporal

        Durante este curso 2012-2013 empeza, nos centros IES Carlos Casares e CPI Laureano Prieto, o....
          Taller de 
              Canto e 
       Expresión Corporal!!

    Neste Taller, aberto ás propostas do alumnado e á evolución do grupo, vaise traballar voz e corpo coma un todo, a través de cancións, xogos, coreografías simples...

   Pensado coma un lugar de experimentación, de aquí poden saír grupos de baile, canto, a unión con instrumentos, percusión corporal...Non ten fronteiras.

     Os horarios serán:

     CPI Laureano Prieto -> xoves: recreo (11:40-12:00)  
                                       -> venres: proxecto lector (16:10-16:30)


     IES Carlos Casares   -> luns: 2º recreo (12:50-13:10)  
                                       -> mércores: 2º recreo (12:50-13:10)


                               ¡Anímate a participar!

Un novo curso nas terras da Gudiña e Viana do Bolo

         A vida dá moitas voltas, e este curso 2012-2013 A Plena Voz regresa a dous centros ourensás ben coñecidos, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, e o CPI Laureano Prieto da Gudiña.

       E as cousas cambian, para mellor, claro 
(que o mellor sempre está por chegar), 
por iso agora a actividade de Coro chámase Taller de Canto e Expresión Corporal, porque a voz sen o resto do corpo non é Plena. E tamén neste curso a optativa de Música está presente, ademais de en 4º da ESO, no 1º de BAC vianés.



     Preparádevos!, que veñen días de danza, baile e acción, días de sons, música, cancións, berros e silencio: 
     a aventura de descubrir @ artista que tod@s levamos dentro.


domingo, 19 de agosto de 2012

I Encontro de alumnado de ESO e Bac de Música de Galicia


   Xa están aquí os vídeos-resumo coas actuacións do I Encontro realizado en Narón en Maio do 2012.


Diversos centros de toda Galicia, entre eles o Basanta Silva de Vilalba acudiron á cita, baixo o lema "A música e o cine"




lunes, 23 de julio de 2012

Festival de Música - Fin de Curso 2012



          Xa podedes ver o vídeo-resumo do Festival de Fin de Curso de Música do IES Santiago Basanta Silva, en Youtube. 
      Velaquí o enlace:

jueves, 28 de junio de 2012

Festival de Música de fin de curso 2012




         O pasado venres 22 de Xuño celebrouse no Salón de Actos do IES S. Basanta Silva, o Festival de Música de fin de curso.

miércoles, 27 de junio de 2012

The Lazy Song Lipdub!!


Xa está aquí o novo Lipdub!


Creado polo alumnado do grupo 4º ESO C/E como actividade escolar na materia optativa de Música (IES Santiago Basanta Silva, Vilalba)


Despois de moitos ensaios, esforzo e risas, velaquí o resultado!



jueves, 21 de junio de 2012

Premios de recitado poético-musical


          Hoxe, ás 11:45, celebrouse a entrega de premios de recitado poético na bilioteca do IES Santiago Basanta Silva. Neste acto, @s premiad@s recitaron poemos mentres tres alumnas de 2º ESO (Alicia Debasa, Sabela Roca e Laura Santiso)  acompañaban o recital cunhas pezas de guitarra (Yesterday, My hearth will go on)

    Neste enlace podedes ver máis imaxes do evento:

O proxecto da horta escolar chega ó seu fin


Igual que o curso remata,

tamén o proxecto da horta escolar de 3ºC chega ó seu fin,

os anovos que xurdiron na aula, 
coma se dun invernadoiro se tratase,
medraron logo no exterior, nun recuncho do patio,






Mais aínda que marchen do centro,

continuarán medrando, 

noutro lugar, noutras terras,

cambiando constantemente, igual que @s cativ@s que os animaron a nacer,

semente que se tornou perexil, fabas, laranxeira, cebola, ourego, cenoura, carballo...


A vida que se abriu camiño, nun recuncho do patio

domingo, 17 de junio de 2012

Festival de Fin de Curso 2012

   Xa queda pouco!


   O Festival de Fin de Curso do IES Santiago Basanta Silva celebrarase o vindeiro: 
venres 22 de Xuño
 no Salón de Actos ás 11:30 h.

    Haberá moita variedade musical: danza, canto, grupos de música...

   Achégate a ver e escoitar, e ó final, anímate a participar no...

 KARAOKE! 

Saca @ artista que levas dentro e a cantar!
   

lunes, 4 de junio de 2012

O Encontro nos medios

Diario de Ferrol-2012-05-25-009-7f2d1c07



         E continuamos a voltas co Encontro!

     O Diario de Ferrol recolleu a nova do concerto Inter-centros e podedes consultala no seguinte enlace:
       

lunes, 28 de mayo de 2012

Actuación no I Encontro de Narón

@s músic@s á porta do Pazo da Cultura, en Narón

¡E fíxose posible!

¡Gran éxito!: os rapaces e rapazas de 2ºD, 3ºC, e o Coro, viaxaron o xoves 24 a Narón para participar no 
I Encontro de alumnado de Música da ESO e BAC de Galicia
baixo o lema deste ano:
"Música e cine"


Alí interpretaron os seus temas: "I'm a Believer" (BSO Shrek) e "He's a Pirate" (BSO Piratas do Caribe), con placas, frautas, persusión, voces e piano.

lunes, 21 de mayo de 2012

I ENCONTRO DE ALUMNOS DE MÚSICA DE SECUNDARIA E BACHARELATO DE GALICIA






             Este xoves 24 de Maio celebrarase o 1º Encontro de Alumnado de Música da ESO e Bac de Galicia, no Pazo da Cultura de Narón. Comezará ás 11 horas e participarán centros chegados de toda Galicia, entre eles o IES Santiago Basanta Silva de Vilalba. 
               
             O tema desta convocatoria é a Música e o cine, e as cancións coas que actuarás os rapaces do Basanta Silva serán "I'm a Believer" (BSO Shrek) no caso de 2º ESO D, e "He's a Pirate"(BSO Piratas do Caribe) o grupo de 3º ESO C. O alumnado do Coro Escolar tamén participará acompañando o tema de Shrek.

              A noticia xa apareceu nalgúns medios, coma no Diario de Ferrol, aquí tedes o enlace onde a podedes consultar:
            E podedes seguir o evento en Facebook:
Encontro no Facebook 
  

sábado, 5 de mayo de 2012

domingo, 15 de abril de 2012

Botellófono, proxecto interdisciplinar

Botellófono soprano
                                                                                                                  

         O grupo de 4º ESO E/C, con a axuda da profesora do departamento Tecnoloxía, María Xesús Vázquez, creou dous novos instrumentos para a aula de Música:          
                      
            os botellófonos





Someone like you, nova canción do coro

            
              O tema de Adele é o elixido polo Coro para continuar cantando neste curso. Unha nova historia de amor e desamor, acompañado polo piano. 
           Velaquí o vídeo musical da fermosa canción para que a poidades ir escoitando.

jueves, 15 de marzo de 2012

He's a Pirate!

        
         Velaquí a nova canción que vai empezar a practicar o alumnado de 3ºESO C, "He's a Pirate", da BSO do filme Piratas do Caribe, nun arranxo para frautas, placas, percusións e piano. 
         Á abordaxe...!

jueves, 8 de marzo de 2012

I'm a Believer!

            
     O Coro empeza cunha nova canción. 

        Mentres continúan os ensaios de "Jueves", de La Oreja de Van Gogh, ímoslle collendo o ritmo a "I'm a Believer" 

          Este tema compúxose para o grupo The Monkeys (1966), e fai uns anos, Smash Mouth fixo unha nova versión. Esta colleu sona pola súa aparición na BSO do filme Shrek.

                   Tamén en 2º da ESO comezan os ensaios para interpretar un arranxo deste tema musical, no que intervirán frautas, xilófonos, metalófonos, percusión...ademais das voces.

domingo, 4 de marzo de 2012

Coplas de Entroido 2011

Grupo de 2º ESO - CPI Laureano Prieto - Curso 2010-2011

            Pasou xa un ano pero hoxe volvemos a recordalo: no curso anterior, un grupo de rapaces de 2º da ESO do CPI Laureano Prieto (A Gudiña) lanzábase á aventura creativa de inventar coplas populares de entroido. 
            Este ano, outro grupo de rapaces de 2º da ESO do IES Santiago Basanta Silva comeza o reto de crear as súas propias letras de canción pop-rock, algúns deles incluso completarán o proceso coa gravación dos temas musicais.
          Os dous procesos, distanciados no tempo, teñen moita semellanza, e a creatividade nace tamén a partir da aprendizaxe sobre experiencias anteriores. Ó final desta entrada fica o enlace para poder ler e descargar as letras que xurdiron na Gudiña. Pronto teredes tamén as cancións rematadas deste curso.

sábado, 25 de febrero de 2012

Horta escolar 3º ESO C

          
            O alumnado do grupo 3º C está levando a cabo o proxecto dunha horta escolar, dentro do horario de titoría.
           Nesta primeira fase comezan coa sementeira: sempre baixo criterios ecolóxicos, empregando material reciclado (vasos de iogur, botellas, etc.) e a propia aula como invernadoiro.
          Os rapaces fanse cargo do rego semanalmente e por quendas, así como do coidado das plantas. Podes consultar mais fotos aquí.

¡@s autor@s do Sonigrama 35 gañador!

Alumnado do grupo 4º ESO E/C
            El@s son: David Díaz, Noelia Novo, José Carballeira, Rocío Carreiras, Sonia Fernández, Jéssica Gacio, Tomás Lozano, Katia Prado, Estefanía Rodríguez, Andrea Román, Ana Sousa e Rocío Vázquez. 
       Como premio recibirán do programa Diario Cultural un lote de libros, noraboa!

lunes, 20 de febrero de 2012

¡4º da ESO E e C gaña o concurso do Sonigrama 35!!

             O alumando dos grupos 4º da ESO C e E da optativa de Música gañan o concurso semanal dos Sonigramas que convoca o programa Diario Cultural. 

        A semana pasada, este grupo creou e gravou o seu relato para o Sonigrama nº 35, e o pasado venres 17 anunciouse que eran os gañadores, parabén para tod@s!
           


                 Podedes escoitar o sonigrama no facebook do programa, aberto a tódolos usuarios:
           http://gl-es.facebook.com/diariocultural


           Ou podedes descargar o programa do día 17 do 2, na páxina da Radio Galega:
          http://www.crtvg.es/rg/podcast/programa/diario-cultural

jueves, 16 de febrero de 2012

4º ESO E e C participa no Sonigrama 35

               O programa da Radio Galega, o Diario Cultural, leva xa moito tempo convocando, semanalmente, o concurso dos Sonigramas: fragmentos sonoros ós que lles hai que poñer palabras.





              Esta semana, o alumnado do grupo de 4º da ESO (E e C), como actividade dentro da optativa de música, crearon e gravaron un relato colectivo para o Sonigrama 35. Onte emitiuse pola radio, podedes consultalo no enlace dos podcast da RG:

martes, 7 de febrero de 2012

Nova canción no Coro

Jueves, de La Oreja de Van Gogh

 
        Comezamos e ensaiar este tema composto polo grupo donostiarra no 2008.  Esta canción está dedicada ás víctimas dos atentados polo 11-M. Os beneficios obtidos pola comercialización do single destináronse á "Asociación 11-M Afectados del Terrorismo"
           En palabras do grupo:
Jueves es una historia de amor sobre la que nunca hubiéramos querido escribir. Es una canción especial, quizá la más especial que nunca hayamos escrito. Nace de la necesidad de destacar cada una de las pequeñas grandes historias que demasiadas veces las estadísticas terminan eclipsando. Por una vez y durante apenas cinco minutos de música, aquel 11 de marzo de 2004 vuelve a ser sencillamente “Jueves”.

jueves, 19 de enero de 2012

Vídeos de "Ay, linda amiga"

       E continuamos coa canción do coro, anónima renacentista. 
        Velaquí vos deixo dúas versións, a primeira está realizada polo Coro de profesores y alumnos del IES Dolores Ibárruri, Fuenlabrada (Madrid)

          

       E a segunda, un concerto no Centro Cultural do Cartaxo (Portugal) realizado pola coral Cantarte, que ademais van caracterizados da época, botádelle unha ollada.

martes, 17 de enero de 2012

Coro do IES Santiago Basanta Silva

¡Novo centro, novo coro!


       Nas terras vilalbesas comezou este curso 2011-2012 a agrupacion coral Basanta Silva.

      
     Os ensaios son os mércores no tempo de lecer, de 11:15 a 11:45, animádevos a participar!








            

              Agora estamos comezando a ver a partitura "¡Ay!, linda amiga", a dúas voces, unha melodía anónima do século XVI pertencente ó Cancionero de Palacio. 
             Aquí vos queda a partitura, aínda que non a imos ver nesta tonalidade, ímoslle baixar un ton para que non sexa tan aguda.

          En breve teredes aquí os audios das voces para que os poidades escoitar e ensaiar.

jueves, 12 de enero de 2012

Festival de Nadal no IES Santiago Basanta Silva

               O pasado decembro do 2011 celebrouse o Festival de Nadal no IES Santiago Basanta Silva. Despois da actuación da contacontos Raquel Queizás, comezaron o evento o grupo de danza de alumnas de 2º da ESO, cun baile creado por elas mesmas coa canción "Alejandro" (Lady Gaga)