viernes, 12 de julio de 2024

Deica sempre


 Remata o curso 2023-2024, complexo e complicado... tanto que incluso o peche me levou tempo escribilo. 

Despídome xa empezando as vacacións, coa mente tentando desconectar e buscar o seu lugar. 

Coma sempre, lévome fermosos recordos, momentos compartidos con moitos de vós, recreos de recuncho musical improvisado, risas e cantos distendidos, agardando que quedase un pouso nalgures, nalguén, de igual xeito que quedou en min. E ó mesmo tempo, tódolos conflitos e problemas que atopamos estes días, os obstáculos na comunicación, os malentendidos, as pelexas, o silencio. Todo iso lévame a unha reflexión que non para de rondarme a cabeza, pode que a varias: que importante é que nos colexios sexamos EQUIPO, un equipo que debe sempre poñer límites á violencia e á falta de respecto (veña de onde veña), e que necesaria é a comunicación transparente, sen tramas, sen películas, sen escuridade, especialmente entre @s adult@s que xestionamos os centros. E que situacións tan tristes se crean cando esa comunicación é escasa ou agresiva, chea de muros e trampas que non paran de medrar.

Sexamos máis equipo e menos inimig@s, o mundo necesítao. Precisamos que nos apoien, que nos acollan, que nos validen. O traballo non pode ser unha xungla na que defenderse constantemente de depredadores.

Non confundamos validar con consentir, non confundamos comprender e respectar con non poñer límites. A violencia nunca está xustificada, non temos que aturala, e moito menos permitila impunemente. É posible ser respectuosos e ó mesmo tempo defendernos. Paremos a violencia e as agresións na aula, nos centros de ensino, nin físicas nin verbais, non debemos permitilas.

Falemos máis e non deixemos que o medo nos paralice, é imposible soster o medo continuado e as defensas activadas sen fin, o corpo e a mente acaban pasando factura.

Rapaces, agardo que vos levedes algunha lembranza para as vosas vidas. Iso é todo o que podemos pedir, crear boas lembranzas, nos momentos escuros necesitarémolas coma a auga no deserto, e nos momentos de luz poderemos mirar atrás e entender o noso camiño. Cada vez que vou a un centro, nesta vida itinerante que me tocou ata o de agora, marcho sempre chea de ensinanzas. 


Gracias, xa volo dixen na aula, e o ceibo agora no vento.

Gracias polos días claros, e tamén os complicados, son do que máis aprendo.

Gracias pola vosa honestidade, e tamén polas trolas que se sabían pero non se descubrían.

Gracias polo esforzo e a constancia, e tamén por mostrarme de novo o outro extremo: que tanto necesitamos o descanso e a diversión tamén @s maiores.

Gracias por deixarme acompañarvos, e por non deixarme, algúns días eu non estaba para acompañar a ninguén.

Gracias tamén a tódal@s compañeir@s que me acolleron e me arrouparon cando todo se tornaba labirinto desacougante, gracias ós que credes de verdade que o cariño, as boas maneiras, a amabilidade e o respecto son o máis importante que temos os seres humanos. Fostes candeas de esperanza no medio de Mordor.

Gracias.

Deséxovos o mellor, e se algún día as nosos camiños se volvesen a cruzar, saudémonos como vell@s colegas de desventuras, aínda que o recordo xa estea difuso, aínda que os nosos rostros muden, e os corazóns xa leven un par de estocadas ou algún remendo máis.  

Deica sempre.



martes, 18 de junio de 2024

A crear

Chegamos a fin de curso e vén unha época con moooito tempo libre, e como xa sabedes, no tempo libre poden xurdir novas ideas, proxectos...e se a vosa
creatividade vai polo lado da música e as cancións, se o voso soño sería crear os vosos propios temas musicais, aquí vos deixo a continuación unha serie de programas gratuitos que vos poden axudar nesa fermosa tarefa. 

Un dos máis empregados é o AUDACITY, moi sinxelo e claro, se premedes no seu nome chegaredes ó enlace para descargalo, e se premedes na seguinte imaxe veredes un artigo sobre outros programas semellantes para que investiguedes e vexades cal é o que máis se adapta ás vosas necesidades.

martes, 7 de mayo de 2024

EDUcación SEXual

 Os datos son alarmantes: 

as agresións sexuais creceron un 116% nos últimos cinco anos e o 76,25% dos adolescentes consumen pornografía hardcore a través dos seus dispositivos móbiles. 

A terrible desinformación, a falta dunha educación sexual real máis alá do coñecemento da anatomía, os métodos anticonceptivos e a prevención das ETS, a necesidade dunha conversa fluída e continua na sociedade, sen prexuízos, sen vergoña. 

martes, 30 de abril de 2024

Imos bailar!: o Renacemento

    Despois de termos viaxado á Prehistoria a través da Danza, toca avanzar un pouco coa nosa máquina do tempo ata chegar a unha época abraiante da nos Historia: 

o Renacemento

O Nacemento de Venus - Botticelli

    Este movemento cultural e intelectual dos séculos XV e XVI que se iniciou despois da Idade Media , conlevou coma o seu nome ben indica, un rexurdir e renacer de todo o arte, música, pintura, escultura...

    Antes de poñernos a bailar, imos investigar nesta época, e deste xeito conseguir viaxar a un tempo lonxano pero moi ben documentado.

    Premede aquí para coñecer un pouco mellor a época que imos estudar.

    Neste outro enlace atoparedes obras de música da época.

    E finalmente premede aquí para visualizar imaxes e vídeos de como vestirían as xentes da época.

lunes, 22 de abril de 2024

Tarefas días 23, 24 e 25 de Abril

 Boas rapaces!

Para estes días atoparedes aquí diferentes tarefas e ideas para aproveitar o tempo das aulas de Música, tanto o alumnado de 2º coma o de 3º.

  • Para aqueles grupos que aínda tedes pendente mostrar os vosos instrumentos ó alumando de Infantil e Primaria, velaquí tedes enlaces e vídeos para repasar a clasificación dos instrumentos e coller ideas sobre como presentalos: