Como xa vimos, este divertido estilo de baile chamado Bollywood, igual que a industria cinematográfica con idioma hindi e sede en Mumbai no que naceu, ten unhas características moi especiais e diferentes da nosa propia cultura ou danzas tradicionais.
Ademais, este estilo de danza incorpora aspectos propios da cultura hindú, máis alá do vestiario. Un destes elementos son os Mudras.
Os Mudras ou Hastas son xestos ou posicións que se fan coas mans nas danzas clásicas da India, acompañan os movementos do baile para transmitir emocións ou contar historias. A súa orixe está tamén na práctica do ioga e a meditación, onde axudan a canalizar a enerxía, concentrarse, entrar en estados espirituais ou de conexión...
Pensade que as danzas Bollywood teñen un compoñente narrativo importante, non só se baila por placer, senón que moitas veces se conta unha historia, ou son unha peza fundamental do filme e do seu argumento.
